Recibir a ollada

Carlos Callón - Inscricións
Carlos Callón, Inscricións, Editorial Galaxia, 2019.

As inscricións que intitulan o poemario de Carlos Callón evidencian a razón de ser da poesía como unha operación que se fai na realidade. O poeta non é enteiramente consciente do enigma da creación, pero dalgún xeito a forza do poema vai máis alá da folla impresa. A poesía crea unha realidade máis duradeira ca o propio poeta, isto é, un refugallo vital transcendente. A loita do poeta pola escritura é unha busca desesperada da orde condenada ao fracaso.

Inscricións xorde como homenaxe á nai morta, e a todas as nais na medida en que fan posible o progreso na Luz. A tarefa do poeta é a ilusión. O poemario adéntrase en conceptos como a diferenza crucial entre pensamento, idea e representación, e amosa unha preocupación pola tensión entre a continxencia das imaxes do poema e a intuición dunha orde inconsciente, xeométrica e transcendente, que explicaría a natureza do Real.

Na primeira parte do poemario, “Cuspe dos mortos,” búscase definir o feito poético como a loita do invisíbel por ser visibilizar, isto é, o latexo da non-existencia faise evidente. Estes poemas teñen lugar entre a dinámica nunca resolta entre visibilidade e invisibilidade, entre o real, o superficial, e o soñado, o oculto, pero non por iso menos auténtico, e sempre en constante loita por se facer intelixíbel e visíbel.

Nesta parte inicial cabe formularse preguntas referidas á significación do proceso creativo: A Creación non é, acaso, o Ser no acto de se obxectivar? As palabras non son senón ese “cuspe dos mortos,” isto é, a palabra viría dada desde o non-Ser para proporcionar as coordenadas necesarias para interpretar e coñecer o mundo. Estas emanacións do Verbo teñen o poder de nos alteraren irremediabelmente, de nos inscribir, ao tempo que proporcionan as coordenadas dunha cartografía imposíbel.

A segunda parte, “Non é deserto,” introduce o tema da fraxilidade e a vulnerabilidade do poeta perante o amor. O poeta se recoñece como suxeito e obxecto do poema, pois é obxecto, asemade, da Creación, e atópase co problema da (auto)representación, consciente da existencia daquilo que conforma o que cada un de nós temos de invisibilidade. O contido reflectido rara vez coincidirá co real, non só debido a esa parte de invisibilidade inaprensíbel, senón tamén porque o poeta parte dunhas intencións moi concretas ao producir a súa obra. O poeta e o seu obxecto constitúense en anverso e reverso dunha mesma entidade, na que aparecen como opostos.

Malia estar o poeta concernido pola representación do que a realidade ten de invisibilidade, a realidade espiritual tamén está rexida polas leis infinitamente perfectas da xeometría e das matemáticas. O poeta enfróntase a este carácter inaprensíbel do amor, malia o seu propiciar da creación poética. O poema é a comunicación entre namorados, e é así que o poeta recoñece os diversos usos da poesía: ferramenta para o coñecemento transcendente ou para a sedución carnal.

En “A Dor Destrúe os Mapas” o poeta avalía as consecuencias físicas do amor e da iluminación poética: ao recibir a pulsión do Real, o suxeito humano faise partícipe da Creación. Neste sentido o suxeito é inscrito. Pero o coñecemento da amada ás veces proporciona un desencontro ou un desarranxo dos sentidos e, no mellor dos casos, nostalxia. Na súa experiencia do amor, o poeta vai da nostalxia á melancolía. Pero a comunicación – a fin última do poema – é comunicación-con-alguén. Todo feito comunicativo é dependente dalgún tipo de relacións persoais.

A palabra poética xorde dun interrogante existencial. Hai consolo en nomear aquilo que nos provoca inquedanza, parece que o acto de nomealo xa é suficiente para cubrir o vacío, pero isto, de seguro, non é máis ca unha ilusión. O poeta parte da fe no poder da linguaxe simbólica: o poema é un xeito de nomear o infinito.

O Verbo produce a realidade e o Real é entendido como mandato ou designio divino. Todo o que existe, toda a realidade viva, foi, ata certo punto, produto dun mandato. Nomear é dar vida, e o eco da voz primixenia, isto é, a voz poética, ten a tarefa de realizar estas inscricións. O contacto co medio natural, asemade, favorece a formulación de enigmas, mesmo se a súa solución for imposíbel.

A cuarta parte do poemario, “Residuos sen orde,” incide nos temas do amor e a representación artística. Dáse un terror perante os aspectos continxentes da Creación, e ofréceselle resposta cunha consideración do material poético: enigmas e misterios, preguntas sen resposta, sabedoría, ciencia, ignorancia, amor… todo isto perde a súa importancia perante a aparente transcendencia das relacións persoais, especialmente o amor e o significado da familia. Isto é, o poeta descobre que as relacións persoais teñen lugar entre o efémero e o transcendente. Permanece unha interrogante nostálxica sobre a (in)suficiencia do amor para outorgarlle sentido á vida.

O poeta retorna a unha consideración da oposición entre as nocións de idea e representación. A representación é sempre unha obxectivación imperfecta da idea. Asemade, o poeta precisa unha distancia do seu obxecto, do mesmo xeito que o suxeito, home ou muller, precisa dunha distancia no amor.

Malia a súa descrenza (o frío), o poeta precisa do amor, pois a súa ausencia supón unha parálise estéril nun escenario de pesadelo. Os restos do amor, a realidade do desamor, proporcionarán eses refugallos vitais aproveitábeis na creación poética. Resoa a constatación de que o amor é, sobre todo, recibir a ollada, isto é, ser inscrito. As inscricións son, deste xeito, as marcas que o amor e a vida deixan en nós. Recibir a ollada é, tamén, aspirar a formar parte dun todo ordenado. Esta loita pola existencia a través da formulación de interrogantes debe ter en conta a linguaxe reprimida e nunca formulada.

Finalmente, a quinta e derradeira parte, “As Mans,” afonda na experiencia da permanencia do amor da nai máis alá da morte, especialmente perante a impermanencia do amor carnal e o desamor. A nai tamén devén interlocutora, e esta comunicación coa nai parece transcender a continxencia. Ela preserva o vencello coas ocultas orixes do poeta; é depositaria de respostas a enigmas apenas intuídos.

Barállanse outros tipos de comunicación: o asedio da información, das novas, e como sortear o impacto que recibimos do mundo. Pero, malia este impacto, entre as nocións de Orixe e Fin, albiscamos a Eternidade. A Eternidade está no momento presente, aquel que non permite concibir a orixe nin a fin. As palabras da nai, canto froito do amor incondicional, tamén son inscricións. Despois da súa partida cabe recuperar o amor sexual, mais este será seguido da nostalxia e da memoria, e da certeza da permanencia eterna desa inscrición materna, mesmo como refugallo espiritual que habite na memoria.   

Autor: Lorena Porto

Profesora de inglés. Libros y traducción literaria.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s