Luz, devir, morte

Manuel Darriba - Santa Morte
Manuel Darriba, Santa Morte, Editorial Galaxia, 2019.

Santa Morte é un poemario que celebra a significación dunha vida anónima, quizais á marxe de calquera épica aparente, pero aínda así un espazo para a mirada, susceptible de aparecer ateigada de impresións sensoriais, intelectuais, proféticas… Hai unha énfase na experiencia do tempo na vida humana. A voz poética céntrase na observación da propia experiencia persoal, do seu encaixe nesta temporalidade. Namentres a vida é contemplada en toda a súa lonxitude, non pode evitarse o sentimento de alienación respecto ao descorrer do tempo. É así que o poemario articúlase como a búsqueda dunha filosofía da vida, isto é, un refuxio, un lugar onde se habitar.

Negociamos unha traxectoria; a sabiduría é ás veces premiada coa lonxevidade, pero as ameazas á nosa estabilidade son constantes. O avance do tempo pode implicar un desgaste do ser, esa é a contrapartida da lonxevidade. Faise necesaria a conclusión de que toda vida é representación. Afanámonos na escenificación dun drama, malia a nosa propia inconsistencia como actores e sabermos que o final xa foi escrito en tempos quizais remotos; e tamén malia a certeza do lúgubre final da morte.

Malia as nosas debilidades e inconsistencias, é posible interiorizar un ríxido código moral que nos console fronte a decadencia de toda experiencia de vida privada. Somos ameazados no só pola inconsistencia das cousas, senón tamén, e máis terríbelmente, pola desconfianza no papel da Providencia. Somos definidos polo tremor do pálpito, o calafrío íntimo producido polo difícil encaixe do espírito na materia. Isto é, paralízanos a asunción da nosa propia vulnerabilidade fronte ao carácter inaprensíbel do significado último. Isto condúcenos ao cuestionamento da significación da validez última dos nosos esforzos.

Perante as ásperas demandas dun xusto cumprimento do percorrido vital, o amor aparécese como transgresión. Transgresión, en todo caso, quizais anunciada, pois nada escapa a sapiencia profética. A poesía aparece como redención fronte ao que a existencia ten de construción ficticia, apenas comprensíbel ou asimilábel. Fronte ao sinsentido vital, existe o consolo da afirmación da pertenenza a unha historia de dor compartida, a asunción do desarraigamento. Non perdemos a conciencia dun traxecto vital pendente de ser revisado e xulgado, dunha vida pendente de avaliación. Nese momento último, a conciencia de perteneceren á estirpe dos humildes servirá como consolo fronte a inefabilidade da existencia e a inevitábel transgresión sensual.

Tamén dáse o desengano fronte a historia do momento presente, a súa violencia ficcionalizada nos medios de comunicación. Isto é, a constatación da disxuntiva insalvábel entre a prosperidade e a desolación. Faise inevitábel que o pensamento devirá na asunción da precariedade da Realidade que terma de nós.

Na súa parte final, Santa Morte faise testemuña da vivencia dunha intimidade fráxil e insegura perante o avance da Historia até a chegada do derrubamento do Real. O Real é tamén unha arquitectura natural que aparece codificada, receptiva ao compromiso dunha ollada atenta. Esa lonxevidade que aspiraba emular a voz poética ao comenzo do poemario permitiría achegarse a unha interpretación das multiformes derivacións do Real, desde a conciencia de estaren nós mesmos inscritos nestas mesmas variacións, pois somos eco e onda gravitatoria; a nosa Realidade, isto é, a súa Imaxe (espazo sen tempo) está inscrita no universo.

A razón (as súas proposicións) tamén é Imaxe, onda gravitacional, malia atoparse decote afogada pola materia, isto é, o turrar do desexo. É así que chegamos á formulación dunha Poética. A creación é luz esparexida, luz proxectada no espazo e, tamén, unha abundancia de desexo espallado e quizais inútil.

A vida é viaxe, progresión no medo; trátase de sortear a morte e a guerra, e vencer o sono, e confraternizar. E, após esta epopea privada, a incerteza perante o Xuízo e a significación do Misterio.

A capacidade narrativa da Literatura axuda a explicar o mundo incluso máis alá da potencia da conciencia e máis alá da persistencia do desexo. Cando o poeta é finalmente vencido polo desexo, esta sumisión convértese nun ritual creativo para insuflar a palabra de vida. Porén, é perigoso equivocar as coordenadas; é necesario coñecer cando a palabra foi concedida a cando foi só apropiada. A creación poética e artística é susceptible ela mesma de se converter nun enigma. A iluminación non é un don que se conceda con lixeireza. A modernidade urbana e a súa actividade incesante son o axente que oscurece o significado. O destino de toda existencia é, pois, a revelación final do Misterio.

É inevitable preguntarnos se a Iluminación do presente nos foi concedida malia o escuro sufrimento das xeracións. Non somos senón continuidade, isto é, continuidade histórica fragmentada polo desexo. A historia aparece como un regueiro de sangue que chega xa ao seu final; o cometido do artista será alzar a vida fronte ao pasado e certificar a defunción da Historia.

Non é posible atopar protección fronte as forzas combinadas do desexo e o destino. Este temor conéctanos cos nosos antepasados máis remotos.

O devir é, malia todo, Luz.